MEDIO AMBIENTE

O BNG de Mos esixe responsabilidades pola falsa bandeira azul do paseo do Louro

Bandeira Paseo Louro H
Bandeira de sendeiro azul no paseo do Louro

Durante o mes de xullo, o goberno municipal cometeu un fraude ao exhibir un distintivo ambiental que ADEAC non lle concedeu en 2025

Gustavo Barcia insta á alcaldesa a explicar “se non se cumpriron os requirimentos ambientais ou se directamente non se presentou candidatura”

O BNG de Mos esixe responsabilidades pola falsa bandeira azul do paseo do Louro

Mos, 4 de agosto de 2025. O BNG de Mos denuncia que o goberno municipal do Partido Popular cometeu un fraude ao exhibir, no paseo fluvial do Louro, unha bandeira de Sendeiro Azul sen ter recibido este recoñecemento en 2025. O portavoz nacionalista no Concello, Gustavo Barcia, acusa a Nidia Arévalo de “enganar deliberadamente á veciñanza” e cre que a alcaldesa cometeu esta infracción “de maneira consciente e por puro afán propagandístico”.

A bandeira estivo izada nun dos accesos á senda fluvial, na contorna da ponte da Pesqueira, durante o pasado mes de xullo e foi retirada hai apenas uns días sen que se ofrecera ningún tipo de explicación por parte do goberno municipal. Antes de que o distintivo fose retirado, un membro da executiva local do BNG contactou a título particular con ADEAC, dende onde lle confirmaron que o sendeiro mosense non figuraba na listaxe oficial deste ano. Tamén adiantaron que lle ían esixir ao Concello de Mos a retirada inmediata da bandeira. 

Gustavo Barcia insta ao goberno municipal a explicar se este ano o Concello non presentou en tempo e forma a candidatura para obter esta distinción ou se, pola contra, si o fixo e non se cumpriron os requirimentos establecidos pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), a entidade que outorga anualmente este tipo de recoñecementos.

Ao ondear este distintivo sen autorización, o Concello podería estar incorrendo nunha infracción por apropiación indebida dun símbolo rexistrado como marca e podería estar vulnerando tamén a lexislación en materia de Consumo ao inducir a erro ás persoas que acoden atraídas polo reclamo turístico do Sendeiro Azul.

 

Transparencia

As bandeiras outorgadas por ADEAC distinguen itinerarios que conectan ou poñen en valor espazos naturais, destacando pola súa calidade ambiental, mantemento e valor educativo. En 2025, a entidade concedeu este recoñecemento a 154 sendeiros en todo o Estado, quedando fóra tan só tres das candidaturas presentadas. O BNG esixe transparencia ao goberno local para aclarar por que Mos non está entre os municipios acreditados este ano.

 

O BNG de Mos esixe responsabilidades pola falsa bandeira azul do paseo do Louro