IGUALDADE
O BNG de Mos pídelle ao PP que rectifique e permita a participación da oposición na mesa contra a violencia de xénero
O goberno de Nidia Arévalo rexeitou a solicitude do grupo municipal nacionalista para formar parte do órgano de coordinación institucional
O portavoz nacionalista, Gustavo Barcia, defende a necesidade de deixar a loita contra a violencia machista á marxe da confrontación política
Mos, 20 de novembro de 2025. O goberno municipal de Mos denegoulle ao BNG a posibilidade de participar na Mesa Local contra a violencia de xénero. O portavoz nacionalista, Gustavo Barcia, considera que “o PP comete un erro” e pídelle á alcaldesa, Nidia Arévalo, que rectifique “para integrar a todas as forzas políticas do Concello na loita contra a violencia machista”.
Barcia solicitara verbalmente, no último pleno, que o grupo municipal do BNG fora incluído na convocatoria para a reunión do órgano de coordinación institucional que se vai celebrar esta semana. A petición foi reiterada posteriormente, por escrito, a través do rexistro municipal e a resposta do goberno foi finalmente negativa.
O PP impide a participación dos grupos da oposición coa excusa de que a mesa contra a violencia de xénero “non é de carácter político nin representativo, senón un espazo técnico e profesional no que participan exclusivamente personal especializado e representantes das administracións directamente implicadas”.
Estes argumentos, en opinión de Gustavo Barcia, “contraveñen as recomendacións da Xunta de Galicza”. De feito, nun folleto divulgado pola Consellería de Política Social e Igualdade contémplase expresamente a incorporación de todo tipo de entidades e organizacións para mellorar a eficacia destes órganos de colaboración institucional.
Transparencia e colaboración
Barcia cre que a participación dos grupos da oposición “contribuiría a unha maior transparencia, coordinación e pluralidade nas políticas municipais de igualdade”. Por iso tendeu a man ao goberno municipal para colaborar nesta materia e expresou a vontade do BNG de “sumar e achegar unha mirada construtiva, feminista e responsable na loita contra a violencia machista no concello de Mos”.