CONSTITUCIÓN DA CORPORACIÓN
O BNG de Mos lamenta as dificultades para asistir ao pleno de investidura
A sesión celebrouse no auditorio do Pazo de Mos, onde moita xente tivo que quedar de pé e bloqueando o acceso ás escaleiras
O portavoz nacionalista, Gustavo Barcia, considera que o Multiúsos sería un lugar máis axeitado para a celebración do pleno
O pleno de investidura do Concello de Mos, celebrado o sábado pasado no auditorio do Pazo, volveu poñer de manifesto, en opinión do BNG, “a falla de vontade do goberno do PP para facilitar o acceso da veciñanza ás reunións da corporación municipal”. O espazo reservado para o público era insuficiente e moitos asistentes tiveron que seguir a sesión de pé, bloqueando deste modo a saída cara ás escaleiras. O novo portavoz nacionalista no Concello, Gustavo Barcia, denuncia que “en caso dunha emerxencia, aquilo ía ser un colapso total e hoxe estariamos lamentando algunha desgraza”.
Segundo Barcia, “o goberno era plenamente consciente de que a afluencia de público á sesión de investidura ía ser moi importante”, pero non se buscou un emprazamento alternativo no que houbera espazo abondo para todas as persoas que querían seguir o pleno. O concelleiro do BNG considera que o Multiúsos das Pozas sería o lugar axeitado para acoller a constitución da corporación municipal. Lembra que estas instalacións, que na súa opinión “están infrautilizadas”, son de titularidade municipal e indica que o seu auditorio conta cun aforo “máis que suficiente” para que o público puidera asistir con plenas garantías de seguridade.
Facilitar o acceso aos plenos
Gustavo Barcia reiterou a súa intención de solicitar unha modificación no regulamento dos plenos do Concello de Mos para facilitar o acceso e a participación directa da veciñanza. A primeira medida que se debe adoptar, na súa opinión, é “mudar o horario de celebración das sesións ordinarias”, que actualmente teñen lugar o último luns de cada mes ás 10 da mañá. O portavoz nacionalista sinala que “a esta hora a maior parte da xente está traballando” e cre que “a Nidia Arévalo e ao PP non lles interesa que a xente coñeza o que se fala nos plenos”.