PLENO DE ORGANIZACIÓN
O BNG de Mos considera que os soldos do goberno non están adecuados á realidade
O pleno aprobou a supresión dunha dedicación exclusiva, pero subiu notablemente o salario asignado ás catro que se manteñen
Gustavo Barcia, reclama que as comisións informativas teñan un contido real e non se convoquen “simplemente para cobrar”
O BNG de Mos votou en contra das dedicacións exclusivas e os soldos para a equipa de goberno que o Partido Popular levou ao pleno municipal celebrado este venres. O portavoz nacionalista no Concello, Gustavo Barcia, amosou a súa satisfacción ante a supresión dunha dedicación exclusiva, pero criticou a decisión de subir de forma considerable o salario asignado ás catro que se manteñen. Na súa intervención, indicou que o soldo da alcaldía se incrementa en 486 euros respecto á anterior lexislatura, quedando en 49.162 euros, e denunciou que cada un dos concelleiros con dedicación exclusiva cobrará 31.800 euros anuais, o que supón un amento de soldo de 2.557 euros.
Os novos soldos aprobados no pleno, en opinión de Barcia, “non están adecuados a realidade do país e da situación económica do Concello”. Recoñeceu que “os políticos que exercen postos de responsabilidade deben ter unha remuneración digna”, pero lembrou que o salario medio anual no Estado Español, de acordo cos datos do INE, é de 25.924 euros para os homes e 20.131 para as mulleres. Para adaptar as cifras a esta realidade, propuxo reducir a cantidade asignada á alcaldía a 36.000 euros anuais e a dos concelleiros con dedicación exclusiva a 26.000. Desta forma, segundo o concelleiro do BNG, “o goberno podería aforrar máis de 30.000 euros ao ano para investir noutras áreas como Cultura, Deportes ou Servizos Sociais”.
Comisións informativas
No pleno de organización aprobáronse tamén as cantidades que os membros da corporación municipal percibirán pola súa participación nas comisións informativas. Barcia reclamou que a súa convocatoria se realice “cando sexan realmente necesarias” e reiterou a necesidade de enchelas de contido. Denunciou que nos anteriores mandatos chegaron a convocarse comisións “simplemente para cobrar”, con reunións que apenas tiñan cinco minutos de duración.