ALERTA SANITARIA
O BNG de Mos propón novas medidas para actuar fronte ao COVID-19 e reclama máis información
Son propostas dirixidas a protexer á poboación máis vulnerable e o persoal municipal, desinfectar os espazos públicos ou minimizar o impacto económico
Gustavo Barcia solicita que se convoque á xunta de portavoces unha vez por semana para informar sobre as medidas que se adopten dende o Concello
Ante a alerta sanitaria derivada do COVID-19, o BNG de Mos ofreceu a súa colaboración e presentou unha serie de propostas dirixidas a reforzar a protección dos sectores máis vulnerables da poboación, garantir a saúde da veciñanza e do persoal municipal e minimizar o impacto económico das medidas extraordinarias que se están a adoptar.
Algunhas destas propostas pasan pola creación dun rexistro de voluntarias e voluntarios con perfís que poidan ser de utilidade, como profesionais da psicoloxía, o traballo social ou a sanidade. Dende o Concello sería conveniente, ademais, ofrecer axudas de emerxencia ás familias máis afectadas polo impacto na situación económica; reforzar a atención telefónica de urxencias sociais; esixir da Xunta de Galiza a debida atención ás residencias de persoas maiores, menores ou dependentes e coordinar coas outras administracións un protocolo de atención e seguimento a vítimas da violencia machista.
Para ofrecer garantías sanitarias á veciñanza, será preciso reforzar a desinfección e fumigación dos espazos públicos e habería que estudar a posibilidade de establecer un servizo de recollida de lixo porta a porta, baixo petición de persoas vulnerables. Do mesmo modo, na situación actúal faise necesario dotar de equipas de protección individual a todo o persoal municipal que desenvolve labores en contacto co público e impulsar o teletraballo, aparte de asegurar o mantemento dos empregos. Estas garantías deben estenderse a todas as empresas que traballen para o Concello.
Informar á veciñanza e á corporación municipal
O portavoz do BNG no Concello, Gustavo Barcia, reclamou tamén que se convoque unha vez por semana a xunta de portavoces para dar información sobre as medidas que se están a adoptar e as incidencias que se rexistren durante o periodo de confinamento. Barcia insiste en que “isto é algo que xa se fai en todos os concellos veciños” e cre que sería perfectamente viable, xa que “todos os membros da corporación contan cunha tableta electrónica con conexión a internet coa que poderían manter estas reunións de maneira telemática a través de videoconferencia”. O concelleiro nacionalista defende tamén a necesidade de reforzar a información á veciñanza a través de todos os medios do Concello.
Propostas do BNG de Mos:
https://bngmos.opennemas.com/media/bngmos/files/2020/03/29/Propostas%20Concellos%20COVID-19.pdf