ALERTA SANITARIA

O BNG de Mos reclama tests do COVID-19 para todo o persoal dos servizos municipais

IMG_2474
IMG_2474

Gustavo Barcia cre que é prioritario estender estas probas ao persoal do Servizo de Axuda no Fogar, que está en contacto coa poboación de alto risco.

Ve preciso garantir que o voluntariado conte con todas as medidas de seguridade para realizar a entrega de alimentos a familias vulnerables.

O BNG de Mos reclama tests do COVID-19 para todo o persoal dos servizos municipais

   O BNG de Mos, a través do seu portavoz no Concello, Gustavo Barcia, vén de solicitar información sobre as medidas de seguridade que se adoptaron para o persoal dos servizos municipais que durante estas semanas está a traballar en contacto directo coa veciñanza. O concelleiro nacionalista remitiu un escrito, vía rexistro electrónico, para preguntar se se está a facer algún tipo de test do COVID-19, ben sexa rápido ou PCR, tanto á xente que traballa directamente para o Concello como ao persoal dos servizos externalizados e ao voluntariado. De non ser así, o BNG entende que é preciso solicitar ás autoridades sanitarias a realización destas probas no prazo máis breve posible.

Gustavo Barcia é consciente das dificultades que existen para acceder a estes tests e entende que, a medida que vaia sendo posible realizalos, será preciso darlle prioridade ás e aos profesionais da empresa que leva o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), xa que manteñen un trato cotiá con persoas que están en situación de alto risco. Barcia insiste en que “non é só polo ben da xente coa que teñen contacto, senón tamén pola saúde das propias traballadoras e das súas familias”. No caso do voluntariado, o concelleiro nacionalista amosou a súa preocupación ante a noticia, difundida nos últimos días, de que se están a repartir alimentos ás familias máis vulnerables. Na súa opinión, “ é necesario garantir que estas persoas conten con todas as medidas sanitarias precisas para desenvolver o seu traballo”.

Colaboración sen renunciar á fiscalización

Por outra parte, o BNG solicitou tamén o informe que o goberno municipal encargou a Intervención e Tesourería sobre o impacto nas contas do Concello das medidas anunciadas de redución e supresión de taxas municipais. Barcia ofrece toda a colaboración do BNG para afrontar esta crise e deséxalle a mellor sorte ao goberno, pero insiste en que non vai renunciar ao traballo de fiscalización que lle corresponde, como oposición, “para garantir a transparencia na xestión municipal, máis aínda nunha situación tan complicada como a que estamos a vivir”.

O BNG de Mos reclama tests do COVID-19 para todo o persoal dos servizos municipais