CULTURA E TECIDO ASOCIATIVO

O BNG de Mos reclama equidade no trato coas entidades culturais

IMG_2589

Gustavo Barcia denuncia a “discriminación” que sofren os colectivos “que non agachan a cabeza ao paso de Nidia Arévalo”

Propón a revisión do Plan Cultural para ampliar as actividades subvencionadas e axudar co gasto corrente das asociacións

O BNG de Mos reclama equidade no trato coas entidades culturais

O BNG de Mos presentou no acto público celebrado en Dornelas as propostas incluídas no seu programa de goberno en materia de Cultura. O candidato á alcaldía, Gustavo Barcia, reclamou “equidade no trato” para todo o tecido asociativo e denunciou a “discriminación” que sofren os colectivos sociais que non son afíns ao goberno do PP. Na súa opinión, “se non agachas a cabeza a paso de Nidia Arévalo podes esquecerte de ter axudas ou colaboración por parte do Concello”.

Barcia recoñeceu o traballo das entidades culturais presentes en todas as parroquias de Mos, ás que atribuíu o mérito de ser “as que realmente fan a cultura neste concello”. Defendeu a necesidade de apoialas economicamente e anunciou a súa intención de revisar o Plan Cultural. Lembrou que este plan “foi creado cando o BNG estivo no goberno” e lamentou que, dende a chegada do PP, as únicas actividades subvencionadas sexan “as actuacións dos grupos de gaitas e baile tradicional”. O candidato nacionalista propuxo volver ao modelo anterior, no que se incluían “non só as actuacións musicais, senón tamén o resto de actividades e obradoiros e, sobre todo, o gasto corrente das entidades que contan cun local en propiedade”. Moitas delas, tal como indicou Barcia, teñen dificultades para asumir o mantemento das súas instalacións.

Calendario de eventos

Outra das propostas incluídas no programa de goberno do BNG é a creación dun calendario cultural municipal no que se inclúan todas as actividades organizadas polas distintas asociacións do concello. Deste modo, segundo Barcia, “un veciño de Dornelas estaría informado do que se fai na súa parroquia e tamén do que se fai en Louredo ou en Pereiras”. Afirmou que este calendario contribuiría “a crear concello” e facilitaría a promoción conxunta, baixo unha marca unificada, de toda a programación cultural desenvolvida polo tecido asociativo de Mos.

O BNG de Mos reclama equidade no trato coas entidades culturais