VIVENDA E MOCIDADE

Gustavo Barcia: “A mocidade está a marchar de Mos por non ter onde vivir”

Louredo 1
Acto coa veciñanza de Louredo

O candidato á alcaldía do BNG comprométese a poñer a disposición da Xunta terreos para a construción de Vivenda de Protección Oficial

Inclúen no seu programa medidas para a promoción pública do alugueiro ou a redución de taxas municipais para a xente moza

Gustavo Barcia: “A mocidade está a marchar de Mos por non ter onde vivir”

A creación de vivenda social será unha prioridade, para o BNG de Mos, se chega ao goberno municipal tralas eleccións do próximo domingo. Así o anunciou o candidato nacionalista á alcaldía nun acto público celebrado en Louredo, onde presentou as medidas incluídas no seu programa para asentar poboación moza no termo municipal. Gustavo Barcia, nacido en 1985, denunciou que a maior parte das persoas da súa xeración “están marchando para O Porriño, Vigo ou outros concellos de arredor por non ter onde vivir”.

No encontro coa veciñanza, Barcia lamentou a falla de oportunidades para alugar ou mercar vivenda en Mos a un prezo razoable, a pesar da elevada demanda existente. “Non todo o mundo se pode permitir construír unha casa nin ten terreos onde facela”, indicou o candidato á alcaldía, que anunciou unha serie de medidas para frear o éxodo da mocidade. A primeira, “poñer a disposición da Xunta de Galiza terreos para a construción de Vivendas de Protección Oficial”. Neste sentido, o BNG aposta no seu programa polo desenvolvemento dun núcleo urbano na contorna das Pozas, tal como está establecido no Plan Xeral, onde estarían centralizados ademais os principais servizos municipais.

Oportunidades para a mocidade

No seu programa de goberno, o BNG aposta por buscar “fórmulas de promoción pública do alugueiro para a xuventude” e contempla a redución e mesmo a exención de taxas municipais para a xente moza que decida asentarse no concello. En todo caso, Barcia recoñeceu a necesidade de “ofrecerlle aos máis novos oportunidades laborais, formativas e de lecer para que non teñan que verse na obriga marchar fóra”. Na súa opinión, o proxecto do BNG “é o único que representa unha garantía de futuro para o concello de Mos”.

Louredo 2

Gustavo Barcia: “A mocidade está a marchar de Mos por non ter onde vivir”