EDUCACIÓN
O BNG de Mos reclama melloras na Escola Infantil da Porteliña
A renovación da tubaxe, o acondicionamento do xardín ou a reparación do tellado figuran entre as actuacións pendentes.
Gustavo Barcia considera que a reparación das deficiencias debe acometerse antes da reapertura para garantir a seguridade das crianzas.
A actividade nas escolas infantís quedou suspendida hai xa dous meses no concello de Mos, igual que no conxunto do país, por mor da alerta sanitaria, pero esta situación excepcional non pode servir de excusa para desatender as súas necesidades. O BNG, de feito, entende que é máis necesario ca nunca acometer as melloras pendentes nas instalacións para garantir que o retorno ás aulas, cando sexa posible, se realice con plenas garantías de seguridade e benestar para as crianzas. Por este motivo o portavoz nacionalista no concello, Gustavo Barcia, reclamou no último pleno o arranxo das deficiencias que presenta a Escola Infantil da Porteliña, a máis antiga das que hai en Mos.
Atendendo ás demandas da ANPA e ás necesidades das meniñas e dos meniños, o BNG instou ao goberno municipal a realizar unha reordenación integral da escola e unha serie de actuacións concretas encamiñadas a subsanar os problemas que se veñen arrastrando dende hai tempo. Entre elas, a renovación da tubaxe, xa que a falta de presión da auga impide actualmente a hixiene correcta dos inodoros cada vez que estes son empregados pola cativada. Do mesmo modo, sería necesario buscar unha solución para a falta de espazo no corredor, xa que a súa anchura non chega ao metro e medio e as crianzas acaban aglomerándose nel cada vez que teñen que ir ao comedor.
Melloras pendentes en todas as escolas
Gustavo Barcia reclamou tamén o acondicionamento do xardín da escola, que está actualmente cheo de buratos, e a reparación da cuberta do edificio, que presenta numerosas tellas rotas. Segundo o portavoz do BNG, “as escolas infantís son un elemento fundamental para a educación das crianzas e tamén un factor importante para a conciliación familiar” e por iso defende que coidar este servizo debe ser unha prioridade para o goberno municipal. As instalacións da Porteliña, por outra parte, non son as únicas que presentan deficiencias e as demandas de todas as escolas infantís do concello deberían ser atendidas, en opinión de Barcia, antes da súa reapertura. Neste sentido, destaca a necesidade de dotar á escola da Veigadaña dun espazo exterior acoutado con xardín e terra, ao entender que é “algo moi importante para a ensinanza das crianzas”.