CULTURA
O BNG reclama apoio material para a reapertura dos centros veciñais e culturais
Gustavo Barcia solicita ao goberno municipal que lles proporcione material hixiénico e protocolos de seguridade para que poidan traballar con garantías.
Estas propostas xurdiron das reunións mantidas con representantes do tecido asociativo e súmanse ás medidas de apoio á cultura presentadas hai varias semanas.
Nas últimas semanas, o BNG de Mos mantivo varias reunións con representantes do tecido asociativo para coñecer de primeira man as dificultades que están a afrontar por mor da alerta sanitaria do COVID-19 e recoller as súas impresións e ideas sobre como afrontar a saída desta crise. O portavoz nacionalista no concello, Gustavo Barcia, puido constatar a situación de incerteza na que se atopan moitas entidades sociais e culturais e solicitou ao goberno municipal a adopción de medidas concretas “para que a pandemia non supoña un punto e aparte na súa actividade, senón unha paréntese”. O grupo municipal do BNG solicitou, a través do rexistro do Concello, que se lle subministre material hixiénico, como máscaras e xeles hidroalcólicos, a todos os centros culturais para que poidan afrontar a reapertura, no momento en que sexa posible, con plenas garantías sanitarias.
Do mesmo modo, Gustavo Barcia ve necesario que se lles proporcione un protocolo de hixiene, limpeza e seguridade que lles sirva como guía para retomar a súa actividade. O concelleiro considera que “os centros culturais e veciñais son o núcleo fundamental da vida social de moitas parroquias de Mos” e por iso ve imprescindible ofrecerlles respaldo económico, loxístico e institucional. “Non abonda con meras palabras que ás veces son simple propaganda”, indica Barcia.
Propostas para a cultura
Estas medidas de apoio ao tecido asociativo veñen sumarse ás propostas para a cultura que foron remitidas ao goberno municipal hai xa varias semanas. O BNG pediu unha modificación do plan cultural para que os grupos adscritos reciban, cando menos, as mesmas subvencións que o ano pasado aínda que non realizaran ningunha actuación. No mesmo documento reclamábase respaldo institucional e económico para os eventos culturais que tiveron que ser suspendidos ou estean a atravesar dificultades a raíz da crise sanitaria. Gustavo Barcia lembra que “a propia viabilidade económica dalgunhas asociacións está ameazada” e por iso ve necesario manter, na medida do posible, o investimento en cultura. O BNG propuxo, no seu momento, que toda aquela partida orzamentaria de cultura que non se puidera executar por mor do coronavirus fora reinvestida, cando menos a metade, de novo en cultura.