CONTAS MUNICIPAIS

O BNG de Mos reclama “menos piche e máis servizos sociais” nos orzamentos do Concello para 2021

Emendas Mos RRSS

O concelleiro Gustavo Barcia entende que a crise derivada da pandemia esixe dar prioridade ás necesidades dos colectivos máis vulnerables

O BNG considera que as contas “non son realistas” e presentou 11 emendas, pero todas foron rexeitadas polo goberno municipal

O BNG de Mos reclama “menos piche e máis servizos sociais” nos orzamentos do Concello para 2021

Os orzamentos do Concello de Mos para o ano 2021 serán sometidos a votación no vindeiro pleno. O BNG foi a única forza da oposición que presentou emendas ao plan do goberno municipal, 11 propostas concretas que permitirían axustar os investimentos ás necesidades reais da veciñanza, pero todas elas foron rexeitadas polo Partido Popular sen ningún debate previo. É ela quen ten a competencia exclusiva para elaborar os orzamentos, pero o concelleiro nacionalista Gustavo Barcia cre que as suxestións da oposición deberían ser, cando menos, escoitadas, “xa que servirían para mellorar substancialmente unhas contas que non son realistas”.

As emendas presentadas polo BNG teñen dúas vertentes: por un lado buscan reducir a cantidade destinada a partidas como asfaltado, novas infraestruturas, iluminación de Nadal, publicidade ou sinalización. Na opinión de Gustavo Barcia, no contexto actual estes gastos non son prioritarios e eses cartos deberían investirse noutras áreas, particularmente nos servizos sociais. O portavoz nacionalista no concello lembra que “a crise derivada da pandemia está golpeando especialmente aos colectivos máis vulnerables e con toda probabilidade o ano que vén será preciso incrementar as partidas destinadas a emerxencia social”.

En cifras concretas, o BNG propuxo incrementar en 100.000 euros a partida destinada a Dependencia, 17.000 euros máis para o Centro de Información á muller, 12.000 para emerxencia social, 4.000 para Xantar na Casa e recuperar a partida de 1.500 destinada á celebración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que desapareceu como tal no orzamento elaborado pola equipa de goberno. En total, de atender as propostas do BNG, a cifra destinada a Servizos Sociais incrementaríase en 134.500 euros.


 

Cultura, deporte e educación

Nas emendas tamén se propuxo manter outras partidas que non están previstas nas contas do ano que vén, como as da Festa da Rosa, o Día das Letras Galegas, o Entroido ou o Nadal, así como un incremento do Plan Cultural de 13.000 euros. Segundo Barcia, “o apoio á Cultura non debe ser só de palabra, debe demostrarse tamén con feitos e, en consecuencia, investimento”. Do mesmo modo, solicitouse un aumento das subvencións ás entidades que promoven o deporte de base, así como unha maior aposta pola educación, ampliando as partidas destinadas ao Conservatorio de Música de Torroso. Neste momento é, tralo IES de Mos, o centro educativo do concello cunha maior cantidade de alumnado e profesorado.

De acordo cos cálculos do BNG, simplemente recortando o gasto naquelas partidas que neste momento non son prioritarias ou directamente prescindibles sería posible obter 207.000 euros que poderían ser destinados a aquelas cuestións que neste momento son máis importantes. Gustavo Barcia resume as propostas do BNG para os orzamentos municipais cunha frase breve e contundente: “menos piche e máis servizos sociais”.

O BNG de Mos reclama “menos piche e máis servizos sociais” nos orzamentos do Concello para 2021