COMUNICADO

Mos non merece unha alcaldesa que acosa e inxuria á veciñanza

A Xustiza arquivou as dilixencias iniciadas a raíz das denuncias do goberno municipal sobre as supostas “facturas falsas” da auga.

Os grupos da oposición convocamos un pleno extraordinario para solicitar a dimisión de Nidia Arévalo e a retirada das accións xudiciais.

Mos non merece unha alcaldesa que acosa e inxuria á veciñanza

A Xustiza acabou desmontando o circo mediático de Nidia Arévalo. Despois de acusar  a varias persoas de cometer distintos delitos, ofrecendo publicamente nomes e apelidos para poñelas no punto de mira, o Xulgado de primeira instancia do Porriño decidiu arquivar as dilixencias o pasado 16 de novembro. O episodio das supostas “facturas falsas” da auga non supuxo ningunha infracción: nin falsidade documental, nin suplantación de identidade, nin delito electoral. O auto deixa ben claro que esas cartas nunca se repartiron e que só chegaron á casa dunha empregada de correos que as colleu.

Todas as acusacións realizadas pola alcaldesa foron desmentidas, pero o dano xa está feito. Non respectou en ningún momento a presunción de inocencia consagrada nas leis fundamentais e a maiores acusou a PSOE, Gañamós e BNG de ser cómplices deses delitos. Non dubidou en ofrecer varias roldas de prensa, en sede institucional, para amplificar o alcance da súa acción propagandística e chegou a convocar un pleno extraordinario no que só participou o PP. Todo isto, por suposto, empregando diñeiro público para tratar de sacar o máximo rédito político.

A alcaldesa emprendeu unha cruzada persoal contra a Comunidade de Montes de Tameiga e as traídas de auga que se opoñen ao pelotazo urbanístico e especulativo que pretenden perpetrar o PP e o señor Mouriño no monte veciñal. Nesta batalla partidista, non dubidou mandar cartas á veciñanza, en pleno período electoral, en nome do goberno municipal. Dende logo, todos os cartos malgastados para ir aos tribunais estarían moito mellor investidos en servizos sociais, cultura ou emerxencias que en asuntos persoais e intereses especuladores do PP.

Os tres grupos da oposición no Concello de Mos, PSOE, Gañamós e BNG, consideramos inaceptable que se acose e se inxurie a unha parte da veciñanza desta maneira. Por este motivo, imos exercer o dereito de convocar un pleno extraordinario para solicitar a dimisión da alcaldesa, esixirlle unha petición de desculpas públicas e instala a retirar a denuncia. As concelleiras e os concelleiros dos tres grupos que subscriben este documento comprometémonos, ademais, a devolver ás arcas municipais o importe das dietas que nos correspondan pola asistencia ao pleno. Preferimos que ese diñeiro sexa destinado a gastos derivados da pandemia.

 

Mos, 9 de decembro de 2020

Mos non merece unha alcaldesa que acosa e inxuria á veciñanza