CULTURA

O BNG de Mos reclama un plan de apoio á cultura para afrontar a crise do COVID-19

Louredo 2
Gustavo Barcia

Gustavo Barcia defende que a cultura, “ademais de ser unha industria que xera emprego e riqueza, é unha necesidade social”.

Algunhas das propostas pasan por manter as subvencións do plan cultural ou dar respaldo aos eventos que corren o risco de ser cancelados.

O BNG de Mos reclama un plan de apoio á cultura para afrontar a crise do COVID-19

O sector cultural será, con toda probabilidade, un dos grandes prexudicados deste periodo de confinamento, pero os concellos teñen ferramentas a súa disposición para mitigar, en certa medida, o impacto da crise. Por este motivo, o BNG de Mos solicitou ao goberno municipal a posta en marcha dun plan de apoio aos distintos axentes culturais do municipio. O portavoz nacionalista no Concello, Gustavo Barcia, lembra que “a cultura, ademais de ser unha industria que xera emprego e riqueza, é unha necesidade social e un dereito que contribúe ao benestar emocional da poboación”.

Certas manifestacións culturais poderán chegar ao público, mentres dure o confinamento, a través das novas tecnoloxías, pero outras moitas precisan do contacto directo coa xente. O traballo das compañías de teatro, dos grupos tradicionais, dos festivais, das orquestras ou das bandas de música está ameazado pola crise sanitaria. A cultura de Mos é moi rica e variada, pero vai pasar por malos momentos no futuro máis inmediato.

Medidas concretas

O BNG defende a necesidade de poñer en marcha unha serie de medidas concretas para protexer a actividade cultural, tanto a nivel profesional como amateur. A primeira delas, revisar o actual plan cultural para garantir que todos os grupos adscritos reciban cando menos as mesmas subvencións que o ano pasado, aínda que non se realice ningunha actuación. Do mesmo modo, Gustavo Barcia reclama que se manteñan as subvencións nominais dos diferentes grupos, aínda que o convenio non se poida cumprir, xa que “previsiblemente non se poderán realizar moitas das actuacións previstas”.

Barcia pide tamén que se ofreza respaldo institucional e económico, dende o Concello, a todos os eventos culturais que, por mor da situación de crise, non poidan celebrarse ou corran risco de cancelación. O exemplo máis inmediato é o Arde o Pazo, que debería celebrarse este sábado 18 de abril, pero outras moitas entidades culturais viven coa incerteza de non saber que vai pasar coa programación prevista para a primavera e o verán. O Abrente Folk, o Festival de Bandas de Música, O Son do Pazo, o Miúdo Fest ou os festivais de corais, entre outros, penden dun fío e os seus organizadores demandan unha resposta por parte do Concello. O portavoz do BNG entende que, en canto sexa posible, o goberno deberá manter unha reunión con tadas as asociacións culturais para abordar a problemática e tomar medidas.

 

Escrito remitido ao goberno municipal vía rexistro electrónico:  https://bit.ly/3csx4dt

O BNG de Mos reclama un plan de apoio á cultura para afrontar a crise do COVID-19