COMUNICADO

NIDIA ARÉVALO DEBE DEIXAR DE FACER CAMPAÑA POR CONTA DO COVID-19

COMUNICADO

O reparto de máscaras a domicilio por parte das concelleiras e concelleiros do PP é o último exemplo da falta de escrúpulos do goberno municipal

Dende o BNG pedimos que se deixen de realizar publicacións de carácter electoralista nas redes sociais do Concello e que se respecten as regras do xogo democrático

NIDIA ARÉVALO DEBE DEIXAR DE FACER CAMPAÑA POR CONTA DO COVID-19

A alerta sanitaria do COVID-19 está afectando ao conxunto da poboación e con toda probabilidade as súas consecuencias serán durísimas a nivel social e económico. Nun contexto tan complicado, as distintas forzas políticas deberiamos esforzarnos por arrimar o ombreiro, facer propostas construtivas e chegar a acordos que permitan mitigar o impacto da crise. Esa foi, dende o primeiro momento, a actitude do BNG de Mos, pero dá a impresión de que outros partidos están tratando de obter réditos políticos deste periodo de confinamento. Neste sentido, as fotografías publicadas recentemente nas redes sociais, onde se podía ver a alcaldesa e as concelleiras e concelleiros do PP repartindo máscaras e alimentos polas vivendas do municipio, xeraron un enorme malestar entre a nosa militancia e no conxunto da veciñanza. As protestas chegaron dende distintos sectores da poboación e o Consello Local do BNG comparte plenamente esta indignación.

Dende o inicio deste periodo de confinamento, alá onde vai a alcaldesa, unha cámara vai detrás para facer a correspondente reportaxe fotográfica, que despois será publicada nas redes sociais e nos medios de comunicación. Os membros da equipa de goberno, en vez de respectar o confinamento, están de campaña na rúa e dende o BNG cremos que xa cruzaron todas as liñas vermellas. Primeiro tivemos que ver a militancia do PP facendo labores de voluntariado en nome do Concello de Mos, despois tivemos que escoitar á alcaldesa difundindo bulos sobre as restricións de mobilidade para atacar ao goberno do Porriño e agora, amosando unha total falta de escrúpulos, envía á súa xente a repartir as máscaras fabricadas na empresa dun veciño que, casualmente, formou parte da lista de Nidia Arévalo para as elección municipais.

Os membros do goberno do PP actúan como se o concello fora da súa propiedade e son incapaces de distinguir entre os intereses do seu partido e a actividade institucional. Isto non é nada novo e dende o BNG xa o denunciamos en reiteradas ocasións sen conseguir que cambiaran de actitude, pero a súa xestión da crise do COVID-19 está poñendo a proba a paciencia da veciñanza. Por este motivo, esiximos que a alcaldesa de Mos e a súa equipa de goberno deixen de facer campaña por conta do coronavirus e que respecten as regras máis elementais do xogo democrático. Entre todas e todos temos que colaborar para superar esta crise, non é o momento de facer electoralismo. Xa pediremos responsabilidades cando todo isto pase.

 

Óscar Rodríguez Campo

Responsábel local do BNG

Gustavo Barcia Seijo

Portavoz do Grupo Municipal do BNG

 

Mos, 18 de abril de 2020

NIDIA ARÉVALO DEBE DEIXAR DE FACER CAMPAÑA POR CONTA DO COVID-19