ECONOMÍA

O BNG de Mos reclama unha redución do gasto en publicidade e soldos do goberno para evitar a suba de impostos

As emendas nacionalistas aos orzamentos municipais van encamiñadas a reforzar o investimento en benestar, igualdade, cultura e deporte

O goberno de Nidia Arévalo pretende crear unha praza de xefe de gabinete por 37.000 euros e unha nova dedicación parcial por 24.000

Gustavo Barcia: “O PP prefire malgastar o diñeiro do Concello en propaganda e chapuzas en lugar de mellorar os servizos públicos”

O BNG de Mos reclama unha redución do gasto en publicidade e soldos do goberno para evitar a suba de impostos

Mos, 27 de outubro de 2023. O grupo municipal do BNG de Mos presentou no rexistro do Concello unha batería de 18 emendas aos orzamentos municipais de 2024, unhas contas que o goberno do PP someterá a debate no próximo pleno. As propostas nacionalistas contemplan modificacións nas distintas partidas de gasto por un total de 467.500 euros, reducindo de maneira drástica o desembolso en publicidade e soldos do goberno, entre outros apartados, para destinar ese diñeiro a servizos sociais, igualdade, cultura ou deporte.

O portavoz do BNG no Concello, Gustavo Barcia, afirma que se trata de emendas “concretas, realizables e construtivas” e pídelle ao PP que as teña en conta “en vez de rexeitalas sen tan sequera miralas, como fan todos os anos”. Defende a necesidade de incluír algúns investimentos que non se contemplan no documento, como a contratación dunha cuarta traballadora social ou a creación da praza de directora do Centro de Información á Muller (CIM). Reclama, ademais, un incremento substancial das partidas destinadas a dependencia e a programas de igualdade.

“Queremos uns orzamentos máis sociais e orientados ao benestar da veciñanza”, indica o portavoz nacionalista. Propón destinar tamén máis recursos á formación da mocidade e á conciliación familiar, dotando dun maior orzamento ás actividades con escolares ou ao conservatorio e escola de música de Torroso, entre outras áreas.

Con respecto á cultura, o BNG solicita, a través das emendas, elevar a partida destinada ao Plan Cultural ata os 50.000 euros, xa que a cifra de 37.000 euros prevista nas contas de 2024 resulta, en opinión de Barcia “claramente insuficiente”. Tamén se propón un incremento das axudas destinadas a clubs deportivos e a súa extensión a entidades que actualmente non contan con apoio económico do Concello.

Gustavo Barcia considera que os orzamentos redactados polo equipo de Nidia Arévalo “danlle prioridade ao malgasto en propaganda e cemento” fronte á mellora dos servizos públicos. Pon dous exemplos: os 32.000 euros que custa manter acendida a pantalla LED da rotonda das Angustias ou os miles de euros reservados para publicidade en medios de comunicación, un diñeiro que, na súa opinión “estaría moito mellor investido na creación dunha liña de axudas ás traídas de auga ou no reforzo do transporte urbano”. 

Suba de impostos

O BNG reclama “unha redución drástica” do gasto en soldos do goberno para cadrar as contas sen ter que subir os impostos. De acordo co proxecto de orzamentos, o PP pretende crear unha praza de xefe de gabinete por 37.000 euros e unha nova dedicación parcial de 24.000. Para asumir todos estes gastos, o goberno contempla un incremento notable da recadación a través do IBI Urbano, alén de subir as taxas de servizos como a piscina municipal. Barcia sinala, ademais, que “prevén duplicar os ingresos por multas de 60.000 euros a 120.000”. Na súa opinión, “despois de baleirar as arcas municipais, o PP pretende agora que a veciñanza asuma o elevadísimo custo da súa nefasta xestión económica”.

O portavoz nacionalista reivindica, ademais, unha planificación sensata das obras municipais para evitar “o malgasto de miles de euros en chapuzas sen sentido”. Neste sentido, propón racionalizar o investimento en vías e obras, “concentrando os esforzos naqueles proxectos de nova construción que reporten verdadeiros beneficios para a veciñanza e destinando maiores recursos ao mantemento das infraestruturas que xa están feitas”.

O BNG de Mos reclama unha redución do gasto en publicidade e soldos do goberno para evitar a suba de impostos