EDUCACIÓN

O BNG reclámalle á Xunta melloras urxentes nos centros de educación pública de Mos

Alexandra Fernández e Gustavo Barcia

A deputada no Parlamento Galego Alexandra Fernández denuncia o “desleixo” do PP de Rueda diante das “graves deficiencias” nos colexios e no instituto de Mos. 

O portavoz nacionalista no Concello, Gustavo Barcia, indica que as asociacións de nais e pais veñen denunciando moitos destes problemas dende hai anos.

O BNG reclámalle á Xunta melloras urxentes nos centros de educación pública de Mos

Mos, 23 de novembro de 2023. O Bloque Nacionalista Galego reclama melloras urxentes da Xunta nos centros de educación de Mos. A fronte nacionalista vén de trasladar iniciativas ao Parlamento galego diante da “saturación” do instituto e das “graves carencias e deficiencias” nas instalacións dos colexios públicos do concello.

“A situación dos centros educativos en Mos é o resultado de anos de desleixo por parte da Administración galega en que non se tomaron as medidas necesarias para garantir unha adecuada atención e calidade no ensino público”, denunciou a deputada no Parlamento galego Alexandra Fernández.

Sobre as problemáticas do IES de Mos, dende o Bloque alertaron de que ten na actualidade entre 630 e 650 alumnos e alumnas para un centro con capacidade para 500. Unha “saturación” que se agrava pola falla de docentes, provocando que en varias aulas de bacharelato estean ao límite de alumnado permitido. No mesmo centro, Fernández acusou o Goberno galego de “desouvir” as peticións reiteradas da comunidade educativa para cubrir as pistas exteriores, ampliar as liñas do servizo de autobús, así como arranxar a escaleira de incendios e a traída de augas, rota dende hai máis de 4 anos.

Na mesma liña, a deputada nacionalista advertiu de que as infraestruturas de moitos colexios públicos de infantil e primaria están quedando “obsoletas ou inutilizábeis polo abandono” da Xunta. Por exemplo, no CEIP Atín-Cela trasladou a demanda de construír tanto un muro de contención fronte aos movementos de terras como un novo parque de primaria.

 

Centros deteriorados

No caso do CEIP Pena de Francia, chamou a actuar diante de “varios problemas de seguridade” como o risco de caída do escenario afectado por xilófagos e o mal estado das instalacións deportivas. Fernández subliñou ademais a deterioración do centro, próximo aos 50 anos de antigüidade, que require de actuacións “urxentes” na fontanaría, nas recollidas de augas pluviais e nas pistas.

En relación ao CEIP Petelos, a comunidade educativa leva tempo alertando da aparición de fendas na cimentación e de filtracións de auga na zona do ascensor, que provoca frecuentes curtocircuítos. Mentres, no CEIP Mestre Martínez Alonso e no Mestre Valverde Mayo precisan dun cambio de ventás polo mal illamento térmico.

 

Demandas históricas

O portavoz do grupo municipal do BNG de Mos, Gustavo Barcia, indica que moitos destes problemas non son novos e denuncia que “tanto a Xunta como o Concello de Mos fan ouvidos xordos ante as reclamacións que as asociacións de nais e pais presentan ano tras ano”. Barcia considera que que “o abandono dos centros públicos por parte da Xunta de Rueda é un reflexo do desprezo que o PP sinte pola Educación Pública”. Lembra, ademais, que o goberno de Nidia Arévalo “rexeitou de maneira sistemática todas as propostas que o BNG presentou nos últimos anos, tanto para mellorar os centros de primaria como para construír un novo instituto”.

O BNG reclámalle á Xunta melloras urxentes nos centros de educación pública de Mos