SEGURIDADE VIARIA

O BNG pide colaboración entre Mos e O Porriño para atallar o caos de tráfico en Sanguiñeda

A apertura dunha nova área comercial supuxo un incremento das retencións que xa se viñan rexistrando dende hai anos na contorna da rotonda das Angustias.

Os grupos municipais de ambos concellos solicitan un plan de tráfico conxunto e o establecemento de limitacións para futuras áreas industriais e comerciais.

 

O BNG pide colaboración entre Mos e O Porriño para atallar o caos de tráfico en Sanguiñeda

Mos, 14 de decembro de 2023. Os consellos locais do BNG de Mos e do Porriño mantiveron unha reunión conxunta para falar sobre as retencións de tráfico en Sanguiñeda, un problema que afecta a ambos concellos dende hai anos e que se viu acentuado nas últimas semanas coa apertura dunha nova área comercial de grandes dimensións. 

O portavoz nacionalista no Concello de Mos, Gustavo Barcia, advirte de que “o volume de vehículos se verá incrementado, previsiblemente, nos próximos meses”, xa que aínda non abriron todos os negocios proxectados na parcela, situada nas inmediacións da rotonda do Costilleta. Indica, ademais, que se trata dunha zona “especialmente sensible” pola proximidade das incorporacións ás autovías A-52 e A-55, así como a entrada ao núcleo urbano do Porriño.

A solución pasa necesariamente, en opinión do portavoz do BNG no Porriño, Pedro Pereira, “pola colaboración entre os dous concellos”. Por este motivo, ambos grupos municipais acordaron presentar, en cadanseu pleno, unha moción na que se solicitará a elaboración dun plan de tráfico conxunto para a zona afectada. Do mesmo modo, tamén se insta aos gobernos municipais a solicitar, con carácter inmediato, unha reunión co Ministerio de Transportes.

Outras das medidas solicitadas dende o BNG son a reforma dos pasos peonís, a mellora do alumeado público ou o desvío do tráfico pesado que actualmente atravesa as zonas residenciais. Proponse, ademais, a posibilidade de introducir modificacións no PXOM de Mos para limitar o desenvolvemento de solo urbano terciario e industrial nunha zona xa saturada.

Preocupación veciñal

Nunha recente reunión coa veciñanza de Sanguiñeda, o grupo municipal do BNG de Mos puido constatar a crecente preocupación non só polo colapso dos accesos ás superficies comerciais, senón pola extensión dos problemas de seguridade viaria a outras rúas da contorna como a Avenida de Sanguiñeda ou a Estrada Segundo Pampillón.

Gustavo Barcia acusa ao PP de Nidia Arévalo de “facer oídos xordos” ante as protestas. Na súa opinión, “os problemas de tráfico teñen a súa orixe, en boa medida, no comportamento neglixente dun goberno máis preocupado por satisfacer intereses particulares e especulativos que pola calidade de vida da veciñanza”.

 

O BNG pide colaboración entre Mos e O Porriño para atallar o caos de tráfico en Sanguiñeda