ELECCIÓNS MUNICIPAIS

Gustavo Barcia repetirá como candidato do BNG á alcaldía de Mos en 2023

undefined
Gustavo Barcia

O actual portavoz municipal recibiu o apoio unánime da Asemblea Local e o seu nome foi referendado xa polo Consello Nacional

Barcia aspira a liderar o goberno municipal “para mellorar a calidade de vida da xente de Mos” cunha xestión transparente e eficaz

Gustavo Barcia repetirá como candidato do BNG á alcaldía de Mos en 2023

Mos, 22 de setembro de 2022. A militancia do BNG de Mos renovou a súa confianza en Gustavo Barcia como candidato á alcaldía. O actual portavoz municipal, que en 2019 liderou por primeira vez a lista da formación nacionalista para as eleccións municipais, obtivo o respaldo unánime da Asemblea Local e será cabeza de cartel nos comicios do próximo mes de maio. Esta decisión supón un recoñecemento ao traballo desenvolvido durante o último mandato, no que se realizou un gran esforzo para fiscalizar a acción de goberno do PP e manter un contacto permanente co tecido veciñal a pesar dos condicionantes impostos pola pandemia.

Trala súa designación como candidato, Gustavo Barcia expresou a súa confianza en acadar “un amplo respaldo do electorado” nas eleccións de 2023 e encabezar un proxecto alternativo “ao goberno das chapuzas de Nidia Arévalo”. Nos últimos meses, o portavoz municipal do BNG, arroupado polos membros do Consello Local, mantivo unha serie de encontros coa veciñanza en todas as parroquias do concello onde puido constatar, por unha banda, o descontento xeneralizado coa xestión do PP e, pola outra, a boa acollida das propostas nacionalistas. Estas reunións serviron tamén  para recoller as suxestións de distintos colectivos veciñais e de moitas persoas a título particular que serán incluídas no programa de goberno para os próximos catro anos. “Presentaremos un proxecto ilusionante e realista para mellorar a calidade de vida da xente de Mos, cunha xestión transparente e eficaz que poña fin ao malgasto e o sectarismo do PP”, explica o candidato nacionalista á alcaldía.

 

Candidatura para gobernar

A boa percepción do traballo realizado por Barcia dende a oposición traduciuse, nos últimos anos, nun incremento notable de militantes a nivel local e nun crecente achegamento de veciñas e veciños que ven no BNG a mellor opción de futuro para o Concello de Mos. “A xente está farta dun goberno que vai improvisando sobre a marcha con obras mal feitas, dun PP obsesionado coa propaganda que non respecta ás persoas en situación de vulnerabilidade e da submisión da alcaldesa aos intereses dos especuladores”, sinala Barcia. “Así nolo están transmitindo, e nós queremos ofrecerlles unha alternativa que garanta o crecemento urbanístico ordenado, a mellora dos servizos públicos e a equidade no trato da administración municipal coas asociacións veciñais e a cidadanía, independentemente das afinidades persoais ou ideolóxicas de cada quen”, apunta o concelleiro.

Gustavo Barcia repetirá como candidato do BNG á alcaldía de Mos en 2023